venres, 30 de novembro de 2018

Aberto o prazo de presentación do VI Concurso de micropoemas e microrrelatos

Xa está aberto o prazo de presentacións de micropoemas e microrrelatos para o alumnado dos centros educativos da Estrada. Lembrade que poden participar todos os niveis educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Os micropoemas e microrrelatos gañadores chegarán aos lectores nun libro conxunto, que se editará para a celebración da entrega de premios na habitual Festa das Palabras. Escribide e participade! O prazo remata o 22 de febreiro de 2019. Aquí tedes as bases.


sábado, 24 de novembro de 2018

25N: O Antón Losada, polo bo trato



Este venres 23 de novembro no IES Antón Losada quixemos que se nos escoitase, porque a violencia de xénero hai que parala. Co lema "Isto é bo trato" traballamos primeiro nas aulas o que convertemos despois nun acto reivindicativo. Comezamos no primeiro recreo coa interpretación de "Cor esperanza" do Coro do Losada, que tamén compartimos ao final da mañá cos compañeiros do IES Nº1. Na terceira hora lemos o manifesto "Isto é bo trato", elaborado polo alumnado de 1ºBacharelato B. Enchemos as escaleiras de boas ideas para bentratarnos. Seguiremos traballando aínda. Queda moito por facer para que todas poidamos vivir en liberdade, plenamente, con respecto. En igualdade. Iso é bo trato.


O sistema esquelético, para pechar o Mes da Ciencia


Pechamos o Mes da Ciencia en Galego coas charlas divulgativas sobre o sistema esquelético que preparou o alumnado de 1º de Bacharelato das materias de Bioloxía e Cultura Científica, para os compañeiros de 2º da ESO. E abofé que as prepararon a conCIENCIA: didácticos, comunicativos, concisos e cun vocabulario rico e ben coidado.



Aprendemos con eles unha morea de cousas sobre os nosos ósos e as articulacións. E mesmo nos ofreceron valiosos consellos para coidar a saúde do sistema que nos sustenta. Agora a aplicalos no día a día.


E para rematar a charla, expuxéronnos os experimentos que realizaron con ósos de polo, para que puidésemos ver de preto como se comportan os ósos cando se descalcifican. Vaia elasticidade!

 


mércores, 21 de novembro de 2018

Compartimos coñecemento matemático, naturalmente, en galego



Un grupo de alumnas e alumnos voluntarios de 1º de bacharelato convertéronse en profes por un día, para lles explicar aos compañeiros máis novos, de 2º da ESO, algunhas curiosidades relacionadas coas matemáticas. Baixo o título de Isto son matemáticas prepararon unha estupenda sesión de xeometría, maxia e números cos que sorprender os compañeiros. No IES Antón Losada, tamén no Mes da Ciencia, compartimos lingua e coñecementos.




venres, 16 de novembro de 2018

Arredor de Domingo Fontán


O profesor Víctor Pollán Fernández visitounos esta semana, con motivo do Mes da Ciencia en Galego no Losada Diéguez, para achegarnos as innovacións científicas de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa físico rigoroso da xeografía galega, no século XIX. Unha charla entretida e interesante para o alumnado de 3º da ESO e de bacharelato.


venres, 9 de novembro de 2018

A derradeira leición do mestre


Esta semana, co alumnado de 3º ESO, visitamos a exposición Castelao maxistral, unha oportunidade para coñecermos máis o sentido da obra de Castelao e para afondarmos no coñecemento da nosa historia recente.


E, como non lle temos medo á chuvia, completamos a mañá cun roteiro pola cidade vella compostelá, para descubrirmos as antigas portas da muralla, seguindo as páxinas da nosa lectura deste trimestre, Once portas, de Héctor Cajaraville. Coma pitos, pero completamos todas as pistas formuladas sobre o plano da cidade. Bo traballo, rapaces!



luns, 5 de novembro de 2018

Con moita ciencia


Comezamos o mes con moita ciencia. O xenetista Ángel Carracedo foi o encargado de abrir a programación deste ano, co relatorio Pescando xens, que promoveron as bibliotecas dos institutos da Estrada. O alumnado de 4º da ESO e de bacharelato do Losada Diéguez tivo a oportunidade de escoitalo, e un equipo de redactores da nosa revista E logho aínda a de entrevistalo e descubrir este persoeiro cheo de coñecemento, de amabilidade e  de vocación de compartir.


E esta mañá foi a quenda do profesor José Benito Vázquez Dorrío, que se achegou ao Losada Diéguez para falar das interferencias luminosas. Esta sesión científica organizouna o departamento de Física e Química. Entre todas e todos, enchemos de ciencia, en galego, este mes e o curso enteiro.

venres, 2 de novembro de 2018

Mes da Ciencia en Galego no Losada


 
Novembro é o Mes da Ciencia en Galego e, desde distintos departamentos (Bioloxía, Física e Química, Matemáticas) en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e da Biblioteca do centro, estase a traballar nun conxunto de actividades cos que queremos fomentar a divulgación científica en galego.
Comezamos esta programación coa charla do prestixioso xenetista Ángel Carracedo, na Academia Galega de Seguridade Pública, organizada polas bibliotecas dos institutos da Estrada. O día 5 teremos a visita de Benito V. Dorrío para falarnos de interferencias lumínicas, organizada polo Dpto. de Física e Química. Seguiremos a programación no noso propio centro, con charlas preparadas pola alumnado de bacharelato para os primeiros cursos da ESO sobre anatomía e matemáticas, organizadas polos departamentos de Bioloxía e Matemáticas.

Ao longo deste mes trataremos de dar a coñecer tamén entre o alumnado a figura de Domingo Fontán, a quen se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. Estes son algúns enlaces de interese:
 
Unidade didáctica sobre Fontán: http://acienciaengalicia18.gciencia.com/domingo-fontan-biografia/

Información ampla sobre a súa vida e obra: https://cartaxeometrica.blogspot.com/2018/10/recursos-sobre-domingo-fontan.html

E os materiais reunidos polo CEIP de Portas que leva o nome de Fontán:
 
Compartimos lingua, compartimos coñecemento!

martes, 30 de outubro de 2018

Chegou o Samaín!


Esta semana celebramos o Samaín. O alumnado do CEIP Figueiroa, da Estrada, agasallounos con estas terroríficas felicitacións que xa adornan a entrada da nosa biblioteca. Graciñas e bo Samaín a todos!

domingo, 21 de outubro de 2018

Comezamos co Edixgal. E na informática, tamén, cada cousa, polo seu nome!


Este mes no que nos estamos introducindo neste universo novo do libro dixital, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Losada achegámosvos un par de recursos útiles para o bo uso do vocabulario galego nas aulas.
Son repertorios léxicos que poden axudarnos a familiarizarnos, profesorado e alumnado, coas palabras de manexo dos ordenadores e da internet, como o contrasinal (password), o alcume (nick/ alias) etc.

Aí vos van:

- Léxico moi básico de internet e das TIC, elaborado por unha profesora de 1º e 2º da ESO: http://cotovia.org/proxecto/lex/lex_ud2_01.html?orix=lex&tema=lex_ud2_01.html

- Un vocabulario máis amplo, xa para afondar moito, é estoutro dos Enxeñeiros de Galicia. http://www.digatic.org

Neste artigo da Real Academia Galega tamén se divulgan os novos termos da informática incorporados este ano ao dicionario do estándar do galego. Interesante.
https://portaldaspalabras.gal/ciberataque-aporofobia-e-xestor-a-de-comunidade-entran-no-dicionario/

Esperamos que vos sexan útiles! 

xoves, 27 de setembro de 2018

O Coro do Losada dá comezo a súa actividade.

Dá comezo, un curso máis a actividade musical do coro IES Antón Losada Diéguez. Aí queda o cartel coa convocatoria de reunión informativa e os horarios de ensaio.


martes, 25 de setembro de 2018

CURSO 2018-19. O CALENDARIO





Benvid@s ao novo curso! Para comezarmos ben organizados, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparamos este calendario mensual, que esperamos que vos sexa de proveito na vosa planificación. Que teñades bo comezo!

Se queres, podes descargar todo o calendario e imprimilo aquí:


martes, 26 de xuño de 2018

O Coro IES Antón Losada cantou para o alumnado de Figueiroa.


O pasado de xuño o Coro IES Antón Losada Diéguez pechaba o curso 2017-18 cunha actuación diante do alumnado de 5º de primaria do CEIP Figueiroa. O futuro alumnado do Losada gozou e aplaudiu a interpretación das pezas Xota Delira, A Galiza do Galego (Iván Calviño+Coro) e City of stars.  Podes recordalas no seguinte vídeo:


Tamén se proxectou un videoclip, editado coma sempre polo Equipo de Audiovisuais do EDL, no que se fai un repaso polas imaxes máis destacadas da historia do coro, interpretando No niño novo do vento. Aquí podes gozalo:


martes, 19 de xuño de 2018

ELOGHO? 2018. Xa está aquí a revista do IES Antón Losada Diéguez

O curso 17-18 está rematando. Coma sempre chega a túa revista en papel e dixital.


Máis imaxes, máis colaboracións, máis información, en 36 páxinas que podes ver, imprimir ou descargar aquí a toda cor.


domingo, 10 de xuño de 2018

O IES Antón Losada Diéguez estivo na V Festa das Palabras

Un ano máis a Festa das Palabras, organizada polos EDL dos centros educativos da Estrada, DINAMIZAESTRADA, foi un éxito rotundo.

Irene Blanco Ruzo e Rodrigo Duro Sánchez, de 1º Bacharelato do Losada recibiron ao público que enchía o Teatro Principal da Estrada, realizando unha magnífica presentación do evento. Polo escenario pasaron os 61 premiados e premiadas, a madriña da Festa, Paula Carballeira, e o cantante estradense Plan Siberia, que puxo a banda sonora dunha noite fermosa e chea de palabras, libros e caraveis brancos. Aí quedan algunhas fotos de Kike Vázquez:









Se queres ver máis pica AQUÍ


Máis fotos de Jano Sanmartín picando AQUÍ

O VÍDEO COMPLETO

sábado, 9 de xuño de 2018

VIDEOCONECTAD@S. Os diplomas e o vídeo

O equipo de comunicadores e comunicadoras científicas que participou no proxecto VIDEOCONECTAD@S, impulsado polos equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada, DINAMIZAESTRADA, recibiu os diplomas acreditativos da súa participación na actividade, cuxa crónica podes consultar AQUÍ.

Io, Carla, a profe María, Celia, Telmo, María e Íria. (Falta Lois)


O Equipo de Audiovisuais do EDL Losada preparou este vídeo coas súas intervencións na sesión VIDEOCONECTAD@S co CEIP O Foxo, que tivo lugar o pasado 5 de maio. 



luns, 21 de maio de 2018

O IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ NA V FESTA DAS PALABRAS DA ESTRADA




O pasado martes, 15 de maio,  presentouse no Concello da Estrada a V Edición da Festa das Palabras, organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística, DINAMIZAESTRADA, e que conta coa colaboracón do Concello. No acto estaban presentes representantes dos EDL dos centros educativos e o Concelleiro de Cultura, Juan Constenla.


Desctacouse a importancia da actividade para a dinamización da lingua entre a comunidade educativa, así como o valor desta iniciativa realizada de xeito conxunto entre todos os centros educativos do Concello da Estrada.

Deuse a coñecer tamén a madriña desta nova edición, que neste caso será escritora e actriz Paula Carballeira. A parte musical da festa correrá a cargo do grupo estradense Plan Siberia, que actuou recentemente no noso centro.
  Podes ler a crónica e ver as fotos picando AQUÍ.

A data de celebración do evento será o próximo mércores 23 de maio, ás 20:30 no Teatro Principal da Estrada, e no mesmo serán entregados os premios aos 61 rapaces e rapazas gañadoras nesta edición do IV Concurso de micropoemas e microrrelatos, que neste ano de María Victoria Moreno  debían incluír as palabras MAR e FAIADO, respectivamente.

Tamén se presentou o libro no que se recollerán os traballos gañadores, cuxa portada e marcapáxinas foron realizados pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas. A publicación inclúe, de novo, 14 ilustración realizadas polo alumnado de infantil dos sete colexios de primaria da Estrada.

Destacar que nesta ocasión estarán presentes, unha vez máis, 6 alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez, que acadaron premios nas súas catergorías.


Eva Covas, Iván Calviño, Valeria Gomes, Celia Astorga e Vanessa Agra

Por último, salientamos que nesta ocasión a presentación da V Festa das Palabras será realizada por Irene Blanco Ruzo e Rodrigo Duro Sánchez, de 1º Bacharelato do IES Antón Losada Diéguez. Outro motivo para non faltares.

VIDEOCONECTAD@S. Un novo proxecto do EDL e DINAMIZAESTRADA.


Este curso iniciamos un novo e ambicioso proxecto conxunto, que está nestas datas chegando á súa finalización, e do que xa estamos recollendo froitos positivos. Trátase dun programa de videoconferencias (VIDEOCONECTAD@S) entre os centros de primaria e secundaria. Neste primeiro curso, o alumnado dos centros de secundaria preparou unha serie de temas (científicos, artísticos, medioambienais, culturais, etc..) que expuxo ao alumnado dos dous centros que correspondían a cada un, producíndose un rico intercambio e interación entre emisores e receptores, achegando ademais o uso do galego ás chamadas TIC. O proxecto terá continuidade nos cursos vindeiros.

O IES Antón Losada Diéguez videoconectouse co CEIP de Figueiroa e o CEIP do Foxo os pasados 27 de abril e 4 de maio. O noso equipo estaba formado por alumnado da materia de Cultura Científica  de 4º de ESO, e baixo a coordinación da profesora do EDL Milagros Villanueva, preparou e executou un programa de mini charlas divulgativas de aspectos científicos, como foron:


  1. - Por que viven máis as avoas
  2. - Como se formou o Universo?
  3. - Que hai detrás dun videoxogos? Como se fai un videoxogo?
  4. -Que é o cambio climático?
  5. - Que á a chuvia ácida?
  6. - Que necesita un planeta para ser habitable? Hai vida noutros planetas?
  7. - Emocións, sistema nervios. Por que me podedes ver e oír agora mesmo?
  8. - Por que se me "pega" esa canción para todo o día?
En ambas ocasións a presentación do equipo de alumnos e alumnas foi excelente. Produciuse, especialmente na segunda sesión un interesante coloquio no que participou o alumnado do CEIP.

As fotos da sesión Videoconectad@s co CEIP Figueiroa picando na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/Y3pYFreoqAdP2JCn1

E as da sesión co CEIP do Foxo picando nesta imaxe:

https://photos.app.goo.gl/oalamoo2Z1eEZImg2


Letras Galegas 2018 (II) Música galega hoxe con Dani Lavesedo e Plan Siberia ao vivo.

Moita música contemporánea en galego para celebrar a nosa lingua. O xoves 10 de maio comezabamos cunha interesantísima introdución á música galega hoxe a cargo de Dani Lavesedo, mantedor de gzmusica.com e ademais profe no Losada. Un vertixinoso repaso aos grupos e solistas máis destacados do panorama musical en galego na actualidade.

E para rematar do mellor xeito a mañá musical contamos coa presenza en directo da formación estradense Plan Siberia, liderado por Gabriel Blanco. Presentou temas do seu primeiro disco en galego Volboretei, gañándose o aplauso e a calor do público, que rematou bailando no escenario.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/jmfzWGCgU6s6Ni8r2

mércores, 16 de maio de 2018

Letras Galegas 2018. Faladoiro con Ánxela Gracián no Losada



Comezamos coa celebración das nosas letras coñecendo a figura de María Victoria Moreno. Para iso convidamos á tradutora e escritora lucense Ánxela Gracián o pasado martes 8 de maio, que foi "sometida" a un preparado "bombardeo" de preguntas preparadas polo alumnado de 1º Bac. Moi interesantes as cuestións, e moi esclarecedoras as respostas. Coñecemos datos da obra e da figura de María Victoria, pero tamén da ponente, que se sincerou, agradecida co auditorio. Picando na imaxe, poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/35PAg88XktcrvKmi1

O alumnado do Losada asiste a obras en galego no Principal da Estrada


 Un ano máis o alumnado do IES Antón Losada tivo a ocasión de participar activamente na campaña dirixida aos centros de secundaria da Estrada, e que é produto do convenio entre estes e o concello estradense.

Programaronse tres obras: O tolleito de Inishmaan, Raclette e Bicos con lingua.

Foron máis de 60 rapaces e rapazas o noso centro que responderon á iniciativa e asistiron ás obras que se puxeron en escena o 16 de marzo, 20 de abril e 4 de maio.

Aí deixamos as imaxes do último espectáculo, Bicos con lingua, de Talía Teatro. Un grupo de alumnos e alumnas do Losada, compoñentes do grupo de teatro do centro, Avelaíñas, quixo retratarses cos actores da obra, cos que mantiveron unha interesante charla.






domingo, 13 de maio de 2018

O club de lectura de 3º despide o curso con Sete caveiras de Elena Gallego

Unha lectura máis, e un debate e posta en común máis de moito nivel no Club de Lectura de 3º. Foi o pasado 8 de maio. Arredor de Sete caveiras, de Elena Gallego.