martes, 27 de xuño de 2017

Os vídeos do Intercambio co Hockerill College

Aí queda unha mostra da actuación musical do alumnado do Losada o pasado 18 de outubro de 2016 na recepción ao Hockerill College iglés que nos visitou naquela data. A crónica da actividade podes recordala aquí: Intercambio Losada Diéguez-Hockerill College

O coro do IES Antón Losada Diéguez interpreta Camariñas




O grupo de música tradicional interpreta Baixando para a Salgueira e o público bótase a bailar:

domingo, 25 de xuño de 2017

Revista E logho? 2017

Xa está aquí ELOGHO?
Máis páxinas que nunca.
Máis imaxes que nunca.

A portada e a contra:


Aquí pódela ler, descargar, imprimir. A toda cor:


O IES Losada na IV Festa das Palabras_Dinamizaestrada. As imaxes

O pasado 4 de xuño, un abarrotado Teatro Principal da Estrada acolleu a IV Edición da Festa das Palabras na que se entregaban os premios do Concuros de microrrelatos e micropoemas organizados polos EDL dos centros educativos da Estrada, DINAMIZAESTRADA.
A presentación correu a cargo do alumnado do IES García Barros, que fixo un excelente traballo. Como padriño, tivemos o pracer de escoitar ao escritor Antonio García Teijeiro, que convidou a todos e a todas as presentes a porfiar no uso da nosa lingua.
A parte musical deste ano correu a cargo do Coro "IES Antón Losada Diéguez" que interpretou para abrir o acto Vexo, de Acadacanto. No medio do mesmo, Iván Calviño Soto, integrante do coro presentou a súa versión rapeada de Adiós ríos, adiós fontes. Para rematar o acto, o Coro no medio de todos e todas as premiadas interpretou Quen poidera namorala, a partir da versión de L. E. Batallán e unha orixinal versión de Imagine, con recitado en galego a cargo de Verónica Vázquez e Iván Calviño. A intervención do Coro recibiu unha das grandes ovacións da noite.
Aí quedan as mellores imaxes da xornada, na que, unha vez máis o alumnado do Losada estivo presente. Parabéns a todos. 











mércores, 14 de xuño de 2017

Teatro no IES Antón Losada. Teatro Solidario As Insuas


O pasado 30 de maio, o grupo de Teatro Solidario As Insuas, de Muros achegouse ao noso IES para por en escena a obra ABUSÓNS S.A.
Tratábase dunha interesante proposta que se achegaba ao tema do abuso e malos tratos no ámbito escolar e social. O alumnado do Losada, que enchía o Salón de actos aplaudiu con efusividade a posta en escena e mesmo tivo a ocasión de debater co elenco e o director ao remate da actuación.

Aí quedan as imaxes










venres, 2 de xuño de 2017

O IES Antón Losada Diéguez na IV Festa das Palabras.




O pasado martes, 30 de maio,  presentouse no Concello da Estrada a 3º Edición da Festa das Palabras, organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística, DINAMIZAESTRADA, e que conta coa colaboracón do Concello. No acto estaban presentes representantes dos EDL dos centros educativos e a Concelleira de Educación, Amalia Goldar.

Desctacouse a importancia da actividade para a dinamización da lingua entre a comunidade educativa, así como o valor desta iniciativa realizada de xeito conxunto entre todos os centros educativos do Concello da Estrada.

Deuse a coñecer tamén o padriño desta nova edición, que neste caso será o escritor Antonio García Teijeiro. A parte musical da festa correrá a cargo do Coro "IES Antón Losada Diéguez"

A data de celebración do evento será o próximo martes 6 de xuño, ás 20:30 no Teatro Principal da Estrada, e no mesmo serán entregados os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nesta edición do III Concurso de micropoemas e microrrelatos, que neste ano de Carlos Casares  debían incluír as palabras VENTO e VERÁN, respectivamente.

Tamén se presentou o libro no que se recollerán os traballos gañadores, cuxa portada e marcapáxinas foron realizados pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas. A publicación inclúe, de novo, 14 ilustración realizadas polo alumnado de infantil dos sete colexios de primaria da Estrada.


Destacar que nesta ocasión estarán presentes, unha vez máis, 6 alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez, que acadaron premios nas súas catergorías.



Elena Bernárdez, Antía Sala, David Álvarez, Andrea Fraiz, Noa Puente, Juan José Rey

Ademais o Coro do IES Antón Losada Diéguez será o encargado de poñer a parte musical do evento coa interpretación de varias pezas.


Coro IES Antón Losada Diéguez

xoves, 1 de xuño de 2017

Mención especial para A piña de Regiomontano



As alumnas do IES Antón Losada Diéguez Aroa Ríos Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias recolleron a mención especial polo traballo A piña de Regiomontano. Foi nun acto celebrado na Facultade de Matemáticas de Santiago no que se entregaban os premios do certame EXPLÍCOCHE MATEMÁTICAS 2.0 organizado polo Servizo de Normalización Lingüística desa Facultade.

Velaí a acta do Xurado:

Noméanse  gañadores  do concurso EXPLÍCOCHE MATEMÁTICAS 2.0 na súa edición do 2017 ós seguintes vídeos:
1.       Na Categoría A (2º Ciclo da ESO e Bacharelato e ciclos de Formación Profesional) ó traballo   Fractais: copa de neve de Koch, de Irene Pereira Reboredo de 3º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía. Baixo a titorización de Ana María Fernández Barros.
2.       Na Categoría B (Universidade) ó vídeo Poden os ourizos voar?, de Brais Fortes Novoa alumno de Mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.
3.       Como  vídeo mellor valorado polos internautas:  As relacións trigonométricas e o teorema de Pitágoras no dab, de Andrés Vázquez García . Baixo a titorización de María Teresa Díaz López.  
4.         O xurado tamén  acordou conceder dúas mencións honoríficas, unha  na categoría A ó vídeo  A piña de Regiomontano, de Aroa Río Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias Espiño do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Baixo a titorización de Cibrán Manuel Arxibai Queiruga. E outra na categoría B ó traballo As matemáticas da música, de Lois Pimentel Iglesias, alumno de grao en Económicas na USC.

Podes ler máis información sobre o acto no blog: Retallos de Matemáticas

Aí queda, unha vez máis o vídeo realizado polas nosas compañeiras: