martes, 28 de febreiro de 2017

O IES Antón Losada no Día de Rosalía no MOME da Estrada. 2017

Laura Porto e Aroa Ríos, alumnas de 1º de Bacharelato foron as encargadas de representar ao IES Antón Losada Diéguez na celbración do Día de Rosalía 2017 que organiza o Concello da Estrada. Diante dun ateigado MOME, as nosas rapazas leron magnificamente o poema de Follas Novas, Vamos bebendo.
O acto estivo conducido por Xosé Lueiro e tivo un bonito colofón musical coa interpretación da Alborada de Rosalía por parte do alunmnado do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Tamén participaron lectoras e lectores de todos os centros educativos da Estrada. Máis info AQUÍ.
A sesión rematou coa proxección do fermoso vídeo realizado polo Concello da Estrada, no que participa numeroso alumnado do Losada e tamén coa inesperada proxección do #Rosalíate realizado polo EDL do Losada, que colleitou moitos aplausos da concorrencia. Podes velos máis abaixo.

Aí quedan as imaxes:





O vídeo do Concello da Estrada:


O Mannequin challenge #RosalíaTe, do IES Antón Losada:

xoves, 23 de febreiro de 2017

Día de Rosalía 2017

Un ano máis celebramos á nosa poeta e os seus versos.

O programa é completo:
Xoves 23 ás 12:25 Recital poético na Biblioteca.
Concurso Rosalía a partir do 24 de Febreiro: Tés toda a informació no Blog da Biblioteca: Xogo Rosalía
Ademais participamos unha vez máis na iniciativa proposta pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)
Aí queda o Mannequin Challenge do Losada #RosalíaTe

E participaremos un ano máis na actividade organizada polo Concello da Estrada.


xoves, 16 de febreiro de 2017

Castelao e A Estrada. O vídeo.

Xa temos preparado o vídeo da actividade realizada o 30 de xaneiro na Biblioteca. Castelao e A Estrada. Parabéns a todos os participantes. Aí queda

luns, 13 de febreiro de 2017

Galego Lingua de Amor. Quérote na miña lingua.

Un ano máis imos querernos na nosa lingua. Nesta ocasións inspirounos o fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro, Eu en ti, do libro O soño sulagado, de 1954.


E tamén deixamos aí o vídeo que realizamos este ano con diferentes versións musicais do poema (Suso Vaamonde, Uxía Senlle, Cristina Pato e Grupo Australia) Que goces con el e coa túa lingua.

As imaxes do Losada na Festa da Poesía da Estrada

Con algo de retraso deixamos aquí un colaxe coas imaxes da intervención das nosas alumnas na Festa da Poesía da Estrada.
Antía, Irene, Elena, Verónica  e a profe Pilar escolleron textos de Lois Pereiro, Marilar Aleixandre, Carlos Negro, Manolo Rivas e Ana Romaní, para recitalos o pasado 8 de decembro de 2016.




A crónica da actividade, por Verónica Pereiras.

Todo comezou ás sete 7:30 da tarde. As alumnas Elena, Inma e Irene xunto coa mestra Pilar Gato e eu reunímonos na Cafetería Boliche. Alí atopámonos cunha ex-alumna do IES, Cristina e xunto con algún alumno de segundo de bacharelato. Mentres estabamos tomando algo mantivemos unha conversa do máis divertido. Na conversa había frases como – Ai, a min se me guiña un ollo xa me ten ganada; -Gardade os cartos ou todos para setembro!; -Vés que listo é! Entre gargalladas, berros e bromas os nervios íanse marchando das nosas mentes, deixándonos así máis relaxadas e cunha gran autoestima.
As oito marchamos o teatro, sentámonos nas cadeiras esperando a nosa quenda e escoitando as autoridades do concello e aos nenos de outras escolas e IES. Aproximadamente ás nove da noite, o presentador chama por nós, e dirixímonos ao esceario. Os nervos comezaron a medrar de novo apoderándose de nós. A primeira en ler foi Elena, unha gran lectura que deixaba o listón moi alto ás demais. Elena leu o seu texto dunha maneira moi doce, moi peculiar. Despois de Elena tocoume a min -nese intre no que lía Elena eu só pensaba en que non me entrase o hipo- lin un poema de Marilar Aleixandre chamado Derrotas domésticas. Seguidamente leu Irene e logo Inma, que ben o fixeron estas compañeiras! Aportáronlle aos seus poemas a súa forza e a súa esencia e por último foi a mestra Pilar. A mestra deixou o público coa boca aberta e a nós emocionadas, daba gusto ver como ese poema que ela leu era como se fose escrito precisamente para ela. O terminar de ler regaláromnos un libro de poesía contemporánea, titulado INEM.
Ás dez o acto terminou, deixándonos a todas moi satisfeitas polas nosas lecturas e orgullosas de representar ao Instituto neste acto.

xoves, 9 de febreiro de 2017

IV CONCURSO LITERARIO DINAMIZAESTRADA

Está en marcha a cuarta edición do Concurso de microrelatos e micropoemas organizada por DINAMIZAESTRADA, Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros Educativos da Estrada. Este ano as palabras escollidas foron: VERÁN, para os relatos, e VENTO para os micropoemas, en homenaxe aos títulos do autor escollido neste 2017 para as Letras Galegas, Carlos Casares. Aí podes ler, descargar, imprimir... as bases do certame. ANÍMATE E PARTICIPA!!! 

xoves, 2 de febreiro de 2017

Celebrando a Castelao no Losada

O IES Antón Losada, a través da Biblioteca, do Dto. de Galego e do Equipo de Dinamización Lingüística programou un completo programa de actividades, entre as que destaca o concurso CASTELAO E A ESTRADA no que os participantes debían responder a unha serie de 10 preguntas ou enigmas sobre a relación entre o escritor e o noso Concello. O evento contou cunha masiva participación e tivo como remate un acto o día 30 de xaneiro nun acto realizado na Biblioteca do centro. Aquí tes unha crónica do mesmo, no blog da Biblioteca: Acto aniversario Castelao.

A seguir, deixamos unha selección das imaxes da actividade






As imaxes de Cousas no Principal

Como anunciamos, un numeroso grupo de alumnos/as e profes do IES Antón Losada, asistiu o pasado 26 de xaneiro á representación da obra Cousas a cargo do grupo Os Quinquilláns, baseada en textos do autor galego. Foi nun abarrotado e entregado teatro principal, que aplaudiu a posta en escena dos Quinquilláns.

Aí quedan as imaxes: