mércores, 14 de febreiro de 2018

Galego, lingua de amor no IES Antón Losada Diéguez

Un ano máis o galego é a lingua de amor no Losada. Nesta ocasión escollemos o fermoso poema de Bernardino Graña, "Como hei vivir mañá sen a luz túa " do libro Se o noso amor e os peixes... (1980)

Acompañámolo deste vídeo no que se recollen diferentes versións musicais do mesmo. Para gozares do amor na túa lingua.



xoves, 8 de febreiro de 2018

AVELAÍÑAS NO TEATRO PRINCIPAL DA ESTRADA

Un ateigado Teatro Principal da Estrada acolleu a estrea do proxecto teatral deste curso, Unha avelaíña chamada ledicia, do grupo de teatro do IES Antón Losada Diéguez. As oito historias postas en escena a cargo dos máis de corenta actores e actrices, arrincaron o aplauso e a calor do público. Foi o pasado 28 de xaneiro.
Picando nesta imaxe poderás ver as fotos da representación:

https://photos.app.goo.gl/jwl7SB7aweHU6hg82

xoves, 25 de xaneiro de 2018

UNHA AVELAÍÑA CHAMADA LEDICIA NO PRINCIPAL DA ESTRADA

O próximo domingo, 28 de xaneiro, a aula de teatro do IES Antón Losada Diéguez, Avelaías Teatro, porá en escena o espectáculo teatral UNHA AVELAÍÑA CHAMADA LEDICIA, ás 18:00 horas.Trátase dun espectáculo coral que está composto por oito historias que se vertebran a través da fascinación que  produce no ser humano a fantasía. Os títulos destas oito creacións colectivas son:


1.       Viaxe ao cero.
2.      Alicia.
3.      Vendedoras/-es de estrelas.
4.      A dirección do nariz.
5.      Un estraño bosque gris.
6.      Non podo durmir.
7.      Unha avelaíña chamada…
8.      O rei de Litonia.
A través desta viaxe ao proceso creador, o espectador participará nunha defensa acérrima dos valores que propicia o xogo, o traballo en equipo e a lectura como fonte de enriquecemento e crecemento persoal. Os personaxes deste espectáculo defenderán nestas historias creadas por eles mesmos valores como a paz, o respecto do medioambiente, a igualdade de xénero, a admiración polas persoas maiores, a valoración do mundo rural, a ollada esquecida dos desposuídos… como elementos imprescindibles para vivir nun mundo máis feliz, onde habiten persoas máis xustas, máis plenas e máis cultas.
            Unha avelaíña chamada... Ledicia  mergullará, por tanto, ao receptor no interese pola lectura como ferramenta que fomenta valores como a igualdade, a cooperación, o compromiso e a cultura da paz. Trátase dun espectáculo que desborda optimismo e esperanza nun futuro mellor para a humanidade e onde se aspira a que eses valores sexan unha realidade canto antes. Permítenos, ademais,  tocar ese soño cos dedos e establece unha defensa das relacións baseadas na tolerancia e a solidariedade; aspira a armar á poboación coa capacidade de diálogo e de entendemento; propugna un modelo de xustiza e igualdade de oportunidades para todos e todas, especialmente para aqueles seres humanos máis desfavorecidos. 

Aí quedan unhas imaxes dos ensaios da obra, así como da representación no CEIP de Figueiroa o pasado mes de decembro.
 





luns, 15 de xaneiro de 2018

Así foi o a visita do alumnado do IES de Rodeira de Cangas ao Losada Diéguez

Comezamos 2018 cunha actividade celebrada no primeiro trimestre do curso. Foi o pasado 7 de novembro cando o alumnado de 4º da ESO do IES de Rodeira de Cangas do Morrazo se achegou a terras estradenses para formalizar a primeira das visitas do intercambio lingüístico entre os dous centros. O proxecto comezaba o curso pasado cando os rapaces e rapazas se intercambiaron correspondencia por escrito, co obxectivo de irense coñecendo.

Puideron encontrarse en persoa, e falar, obxectivo da actividade o pasado trimestre, nun día repleto de actividades das que gozaron visitantes e anfitrións. Comezou a xornada coa asistencia aos diálogos científicos que organizaba o EDL Losada xunto co Departemento de Bioloxía da que se pode ler e ver unha crónica aquí. A seguir desprazáronse en bus á vila da Estrada, para visitala, a pesar de que o tempo non era moi bo. Ao regreso repuxeron forzas nun xantar conxunto na Biblioteca do Losada que tivo como sobremesa un magosto preparado polo noso alumnado. Xa pola tarde todo o grupo se desprazou á Carballeira para participar nun xogo de pistas preparado polo Departamento de Galego. Día de experiencias novas, conversas, confidencias na nosa lingua, que terán continuación na visita que o alumnado de 4º ESO do Losada Diéguez fará proximamente a terras do Morrazo. Veremonos en Cangas!

Imaxe do grupo de participantes no intercambio


Podes ver máis fotos picando neste colaxe 
https://photos.app.goo.gl/eHYMWlUYcvOScKld2

Máis info sobre o Equipo de Dinamización lingüística do IES de Rodeira no seu blog: LINGUALIZA


mércores, 20 de decembro de 2017

NADAL EN GALEGO

Aí quedan as propostas deste ano para ler no Nadal, na nosa lingua.



Aquí podes descargar o cartel, compartilo, imprimilo....:




Ademais, este ano irncorporamos unha novidade. A versión en vídeo:

O IES Antón Losada na Festa da Poesía

Un ano máis o EDL do Losada enviou unha moi digna representación á Festa da Poesía que organiza o Concello da Estrada. Nesta ocasión foron dúas alumnas de bacharelato, Rebeca Mata e Lorena Rodríguez as que fixeron unha excelente lectura dos poemas. Aí quedan as imaxes:

Avelaíñas teatro na Homenaxe a Olimpio Arca

Un ano máis o noso grupo de teatro participou con gran éxito na Homenaxe teatral ao profesor estradense e escritor Olimpio Arca Caldas. Os rapaces e rapazas do Losada foron os encargados de poñer o peche, magnífico, ao certame no que participaron os IES da Estrada, o pasado 23 de novembro. Un día antes tocaralle aos coles do concello. Picando na imaxe podes ver as mellores fotos do evento.


https://photos.app.goo.gl/BBGMj2FmifMLsq0K2

Aquí podes ver o vídeo coa súa actuación: